Sobre Arga

Logo ARGA

 

ASOCIACIÓN DE ARTISTAS PLÁSTICOS GALEGOS

Rúa San Andrés, 28, baixo.  15003 A Coruña

NIF: G15833197

Dende as primeiras xuntanzas en outubro de 2001 na cidade de Vigo, sete artistas forman un embrión de asociación que, con ganas de facer cousas en común, non deixou de dinamizarse e ampliar o grupo dos que comparten un traballo apaixonante para todos como é a arte nas súas distintas modalidades: pintura, gravado, escultura, fotografía e incluíndo a relación coa literatura e a poesía.

Na actualidade o  grupo está integrado por 70 artistas en todos estes apartados.

Desemboca o proxecto na Asociación de Artistas Plásticos Galegos, cuxo logo, unha vez rexistrado, queda como ARGA. Legalízanse entón os seus estatutos no ano 2002, comezando así a súa xa ampla andaina.

A Xunta Directiva márcase un obxetivo claro dende o comezo, que consiste en establecer relacións con institucións, tanto públicas como privadas, realizando feiras de arte, exposicións, simposios, edición de catálogos, certames de pintura, participación en distintos encontros de pintores e poetas, viaxes culturais, etc. así como dispoñer dunha sala de exposicións permanente. Despois de comezar a andaina en Santiago de Compostela, pasando posteriormente por O Milladoiro, decídese trasladar a se social á Coruña, situándoa na céntrica rúa Real e inaugurando a súa galería de Arte. Despois de dous anos trasládase á rúa San Andrés e inaugura a actual se e galería de arte ARGA. Nesta sala os socios expoñen de maneira ininterrompida.

Facendo un reconto dos distintos proxectos realizados, poderíamos destacar os seguintes:

 

Feira de Artes Plásticas

Este ano 2014 celebrouse a XIII edición co que se superan en máis de 30 as realizadas nas cidades máis importantes de Galicia.

 

Simposio Nacional de Acuarela:

Coa participación de máis de 200 acuarelistas de toda España, por primeira vez celebrouse en Galicia este importante evento, ocupando durante tres días as rúas de Santiago e Porto do Son, con pintura ao aire libre creando un ambiente único nun ano Xacobeo.

 

Artencontro 2010:

Igualmente durante tres días reuníronse en Santiago e A Coruña máis de 70 artistas de toda España, Portugal e Hispanoamérica, traballando distintas disciplinas plásticas, compartindo exposicións e experiencias.

 

Certames de Pintura:

O Certame de Pintura Arte Nova Galega, patrocinado por El Corte Inglés, que celebrou, polo momento, cinco edicións.

Certame de Pintura Rápida Cidade Vella da Coruña.

Forma parte de xurados de certames de Pintura rápida que a Cámara Mineira organiza por toda Galicia, Concello de Noia e Escola de Arte Pablo Picasso da Coruña.

 

Paleta de Prata ARGA:

En 2004 créase a distinción Paleta de Prata Arga, para homenaxear aos artistas que por traballo e traxectoria teñan engrandecido a arte e a cultura en Galicia. Os homenaxeados foron, ata o momento, Alfonso Costa Beiro, Antonio García Patiño, Manuel Ayaso, Rafael Úbeda e Emilio Celeiro. Todos eles dende ese mesmo momento pasan a convertérense en socios de Honor da Asociación. Tamén se crea a insignia de ouro da Asociación.

 

Exposicións:

Son innumerables as exposicións realizadas, tanto individuais como colectivas, na se da Asociación e outras entidades, con edición de catálogos ao efecto.

Anualmente celébranse algunhas exposicións colectivas temáticas. Dentro destas salientaremos a dedicada ao MAR, organizada en colaboración coa “Fundación CaixaGalicia” e celebrada no mes de agosto de 2012 na se da “Fundación” no Cantón Grande da Coruña, na sala “O cubo” do terceiro andar. Foi unha das máis visitadas na historia desa entidade.

 

Viaxes

Téñense programado viaxes de carácter cultural cunha grande asistencia: Museo de Belas Artes de Oviedo, Museo Guggenheim de Bilbao e a exposición “El Hermitage en el Prado” en Madrid. O propósito é realizar cando menos unha viaxe anual.

 

Encontros de Artistas de ARGA no Pazo de Mariñán.

Coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña, celébranse no Pazo de Mariñán os “Encontros de Artistas de ARGA-Espírito de Mariñán”. No ano 2014 desenvolveuse a VI edición.

 

Outros eventos culturais:

No ano 2012 a Asociación de Artistas Plásticos Galegos organizou, en colaboración coa Deputación da Coruña, o curso da UIMP (Universidad Internacional Menéndez Pelayo) titulado “Arte Galego Contemporáneo na Natureza”, que se desenvolveu nas instalacións do Pazo de Mariñán. Neste ano  publicouse a Guía de Artistas ARGA 2012.

En decembro de 2013 organízase a 1ª Feira de Arte de Inverno de ARGA. (Mercadiño da Arte) na súa propia galería de San Andrés, con grande éxito de vendas e público. E no verán de 2014, o I Mercadiño Solidario, en colaboración, nesta ocasión, coa Cociña Económica da Coruña.

Tamén celebra a asociación, para estreitar os lazos entre os seus asociados, xantares de confraternidade.

 

Institucións públicas e privadas:

ARGA ten colaborado coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, Xacobeo 2004, Deputación da Coruña, Concellería de Cultura do Concello da Coruña, Concellos de Vigo, Santiago, Lugo, Ourense, Culleredo, Porto do Son, Noia, Brión, Viveiro, Foz, etc. E teno feito tamén con entidades privadas como El Corte Inglés, Coca Cola, Gadisa, Caixa Nova ou Caixa Galicia (hoxe Abanca).

 

ARGA

Asociación de Artistas Plásticos Galegos